XUNTA DE GALICIA

Turismo de Galicia renova o seu compromiso coa USC para a formación médica no uso terapéutico das augas mineromedicinais

09/03/2018

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, renovou hoxe co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, a colaboración entre ambas institucións para impulsar a Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica, que forma futuros médicos no potencial terapéutico das augas mineromedicinais.

 

Conscientes da importancia que esta oferta educativa superior ten para o termalismo galego e do esforzo, tamén económico, que supón a posta en marcha de accións formativas como esta, Turismo de Galicia leva anos apoiando esta cátedra. O convenio asinado esta mañá supón a renovación por catro anos máis, ata o vindeiro 2021, deste apoio coa intención de facilitar a posta en marcha de actividades académicas que redunden na difusión, o coñecemento e a práctica da Hidroloxía Médica, para o que se destinarán 160.000 euros.

 

Ao abeiro deste convenio, a Cátedra de Hidroloxía Médica da USC poderá aumentar os seus fondos bibliográficos, organizar seminarios prácticos de fin de semana en balnearios, elaborar e difundir documentais sobre procesos terapéuticos, entre outras actividades formativas, e volver editar o Vademecum das Augas Mineromedicinais de Galicia, publicado hai un ano co apoio do Goberno autonómico e que se está a converter nunha útil ferramenta para afondar na situación actual da investigación en termalismo.

 

“Esta é unha actividade formativa excelente, excelencia que comparte coa dos recursos naturais galegos e coa dos profesionais deste sector”, indicou Nava Castro. A Comunidade galega conta con 300 captacións de augas termais e é a segunda rexión europea con maior riqueza en augas deste tipo, só por detrás de Budapest. A oferta termal galega supón o 19% da oferta española e Galicia lidera o número de balnearios con Q de Calidade Turística, con máis do 22% dos establecementos españois deste tipo con esta certificación.

 

Líderes e pioneiros

 

A Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, a primeira en Galicia e a segunda existente en España, leva desde 2010 formando futuros médicos neste eido cada curso. Ademais das clases teóricas, os alumnos teñen a oportunidade de realizar prácticas en balnearios.

 

Este acordo alíñase co Plan de termal e o Plan de turismo de saúde e termal de Galicia que reflicten a aposta do Goberno galego por impulsar as iniciativas que afonden na formación de expertos que orienten a súa carreira profesional ao ámbito da investigación na área do termalismo e da saúde, por considerar que é un sector clave no desenvolvemento económico e social de Galicia. Ademais, a Comunidade contará moi pronto coa primeira lei de España que regule o aproveitamento lúdico das augas termais que teñen beneficios para a saúde coa intención de velar pola súa salubridade e hixiene, compatible coa que regula os balnearios e as augas con fins terapéuticos.