Augas Mineráis
PRESENTACIÓN
Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. Este feito, unido á repercusión social e económica que nas últimas décadas están a ter as augas minerais e termais posibilitan que Galicia sexa considerada como a "TERRA DA AUGA".
Actualmente, o número de mananciais existentes en Galicia é superior a 300 (hai máis de 2.000 en España), o que deu lugar a unha industria moi activa vinculada á explotación de augas minerais, con 10 plantas de envasado de auga mineral natural (100 en España) e 21 balnearios (115 en España). Unha particularidade destas industrias é que están a crear riqueza en zonas do interior de Galicia (na súa maior parte zonas rurais con tendencias similares: despoboación, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario...), xa que, polas características do recurso, non poden deslocalizarse e deben instalarse nos mesmos lugares de captación do acuífero.
AUGAS MINERAIS E AUGAS TERMAIS
As augas minerais son augas de orixe subterránea que presentan un alto grao de mineralización, e que polas súas características físico-químicas poden inducir efectos favorables para a saúde, resultando aproveitables como augas envasadas comercialmente, ou con fins terapéuticos e de descanso en balnearios.
As augas termais son augas subterráneas cuxa temperatura de surxencia é superior en 4º C á temperatura media anual do lugar onde nazan, xa que foron quentadas por formacións xeolóxicas subterráneas que se encontran a maior temperatura que a ambiental. Debido á súa elevada temperatura adoitan presentan un alto grao de mineralización, engadindo á súa condición de termais a de augas minerais.
En virtude do disposto no artigo 1.4 do Texto Refundido da Lei de Augas aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, "as augas minerais e termais regularanse pola súa lexislación específica". Esta non é outra que a mineira e así a Lei de Minas de 1973 considera á auga mineral como un recurso mineiro da sección B.
¿Por qué en Galicia hai unha gran variedade de augas minerais?
En Galicia existe unha gran variedade de augas minerais debido á diversidade de terreos nos que se atopan, constituídos por todas as clases de rochas, abundando preferentemente as ígneas e as metamórficas, pero estando tamén representadas as sedimentarias, especialmente as rochas carbonatadas. Todas elas víronse afectadas por importantes procesos de pregamento e fracturación, durante as diversas fases da oroxenia hercínica e mesmo en parte durante os movementos alpinos, dando lugar a grandes e profundas fallas, que permitiron o paso de augas subterráneas, cun variado contido en sales disoltas e en moitas delas con carácter termal.
¿Qué diferenzas hai entre as augas superficiais e a auga subterránea?
As augas subterráneas presentan unha pureza orixinal que non teñen as de superficie grazas á protección que ofrecen os substratos xeolóxicos que as cobren.
A auga subterránea procede da auga de chuvia ou neve que drena a terra e que viaxa durante un tempo variable, que pode chegar a miles de anos, ata o acuífero no que permanece libre da polución ambiental.
As augas que se acumulan na superficie do planeta, en ríos e encoros, non son unha fonte axeitada para as augas minerais naturais ou de manancial, non obstante, sí poden ser utilizadas como auga de billa sempre que sexan tratadas química e microbiolóxicamente para facelas seguras para o consumo humano.
¿Cómo se clasifican as augas minerais?
O artigo 38.1 do Regulamento Xeral para o Réxime da Minaría dispón que as augas minerais se clasifican en:
"a) Mineiro-medicinais: as nacidas natural ou artificialmente que polas súas características e calidades sexan declaradas de utilidade pública. En función do uso ou destino, estas clasifícanse en augas mineiro-medicinais con fins terapéuticos, augas minerais naturais e augas de manancial.
b) Mineiro-industriais: as que permiten o aproveitamento racional das substancias que conteñan."
¿Qué usos poden ter as augas minerais?
Os usos das augas minerais están relacionados coa composición fisico-química e o tipo de declaración. Respecto á súa declaración, as augas minerais utilízanse como:
. Mineiro-medicinais: en balnearios para tratamentos tópicos ou hidropínicos.
. Minerais naturais e de manancial: como augas de bebida envasadas.
. Mineiro-Industriais: aproveitamento industrial das substancias contidas en disolución.
. Termais: aproveitamento industrial da súa capacidade calirifica e en balneoterapia.
¿Qué son as augas termais?
Segundo o artigo 23.2 da Lei de Minas, "son augas termais aquelas cuxa temperatura de surxencia sexa superior en 4ºC á media anual do lugar onde nacen".
Estas augas engaden á súa condición de termais a de augas minerais, porque, grazas á súa elevada temperatura, presentan un alto grao de mineralización, ben en orixe, ou prestada polos terreos a través dos que discorren ata chegar á superficie.
Así o confirma a Lei de Minas establecendo con carácter excluínte que só terán a consideración de termais as que se destinen a usos terapéuticos ou industriais, ao dispoñer no seu artigo 30 que "as augas termais que sexan destinadas a usos terapéuticos ou industriais se considerarán como augas minerais para todos os efectos desta sección primeira do capítulo II".
¿Cómo se clasifican as augas termais sobre a base da súa temperatura?
Son hipertermais as que xorden a máis de 45º C.
Son mesotermais ou quentes as que teñen unha temperatura de surxencia entre 35º e 45º C.
Son hipotermais ou pouco frías aquelas cuxa temperatura de surxencia está entre os 21º e 35º C.
Son frías as que xorden a menos de 20º C.
LEXISLACIÓN APLICABLE
¿Cál é a lexislación aplicable ás augas minerais naturais?
As augas minerais naturais están reguladas no ámbito europeo pola Directiva 2009/54/CE, pola que se refunden a Directiva 80/777/CEE e a Directiva 96/70/CE relativas ás augas minerais naturais; e, en España, polo Real Decreto 1798/2010, do 30 de decembro, polo que se regula a explotación e comercialización de augas minerais naturais e augas de manancial envasadas para consumo humano. En Galicia tamén lles resultan de aplicación a normativa autonómica no que respecta ao procedemento para declarar unha auga como mineral e para outorgar o seu aproveitamento.
¿Cómo define a lexislación ás augas minerais naturais?
Segundo o artigo 2 do Real Decreto 1798/2010, son "augas minerais naturais aquelas microbiolóxicamente sás que teñan a súa orixe nun estrato ou depósito subterráneo e que nazan dun manancial ou poidan ser captadas artificialmente mediante sondaxe, pozo, gabia ou galería, ou ben, a combinación de calquera deles".
¿Cál é a lexislación aplicable ás augas mineiro - medicinais de uso terapéutico?
A utilidade terapéutica dun auga está avalada polo Estado mediante a súa declaración de utilidade pública e a súa declaración de auga mineiro-medicinal, estando regulada basicamente polas disposicións non derrogadas do Estatuto da Explotación de Mananciais de Augas Mineiro-medicinais, aprobado polo Real Decreto Lei do 25 de abril de 1928. Non obstante, é preciso sinalar que, en cumprimento do establecido na Constitución e nos Estatutos de Autonomía, as funcións desempeñadas anteriormente pola Administración Estatal en materia de augas minerais, tanto nos aspectos sanitarios como nos mineiros, foron transferidas ás Comunidades Autónomas entre os anos 1982 e 1985. As devanditas funcións inclúen a potestade lexislativa, aínda que só catro Comunidades promulgaron ata agora lexislación propia: Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura e Galicia.
Así, o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27.14, dispón a asunción de competencias exclusivas por parte da Comunidade Autónoma en materia de augas minerais e termais. En exercicio desta potestade lexislativa, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta disposición foi desenvolvida posteriormente pola seguinte normativa:
Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que crea a Xanela Única para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.
Decreto 401/1996, do 31 de outubro polo que se crea a Comisión Coordinadora de axudas a establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial, e se regula a súa composición e funcións.
Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineiro-medicinais, termais e dos establecementos balnearios (modificado polo Decreto 116/2001).
Orde do 5 de novembro de 1996 pola que se regula a autorización sanitaria dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia. (Esta orde debe ser interpretada á luz do Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios).
¿Cómo define a lexislación aos balnearios?
O artigo 22 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dispón:
" 1. Os establecementos balnearios son aqueles que, estando dotados dos medios axeitados, utilizan as augas mineiro-medicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde. Consideraranse establecementos sanitarios e, como tales, quedan suxeitos ó disposto na lexislación sanitaria.
2. Correspóndelle á consellería competente en materia de sanidade a competencia para establecer os requisitos técnicos e as condicións sanitarias mínimas de apertura de balnearios, así como o procedemento para outorgar a autorización sanitaria previa en canto á súa creación, modificación ou peche.
Para os efectos da presente lei, as instalacións que non cumpran os requisitos establecidos non poderán ter a denominación de balneario.
3. Estes establecementos poderán dispoñer de instalacións de complemento turístico, de lecer e industriais, que quedarán sometidas ás súas normativas específicas."
AUGAS MINERAIS NATURAIS ENVASADAS
¿Qué tipos de auga de bebida envasada existen?
As lexislacións europea e española distinguen tres categorías de augas envasadas:
Augas minerais naturais: Son augas de orixe subterránea, protexidas contra os riscos de contaminación, bacteriolóxicamente sás e cunha composición constante en minerais e outros compoñentes, o que lles confire propiedades favorables para a saúde.
Augas de manancial: Son augas potables de orixe subterránea que emerxen espontaneamente na superficie da terra ou cáptanse mediante labores practicados para o efecto, mantendo as características naturais de pureza que permiten o seu consumo e previa aplicación dos mínimos tratamentos físicos requiridos para a separación de elementos materiais inestables. A diferenza das minerais naturais, non demostraron acción específica no organismo humano.
Augas preparadas: Son aquelas que foron sometidas aos tratamentos fisicoquímicos necesarios para que cumpran os mesmos requisitos sanitarios que se esixe ás augas potables de consumo público. Divídense, á súa vez, en dous tipos:
- Potables preparadas: aquelas que procedan dun manancial ou captación e fosen sometidas a tratamento para que sexan potables.
- De abastecemento público preparadas: no suposto de ter a devandita procedencia.
¿Qué diferenza hai entre a auga corrente e as augas mineral natural e de manancial envasadas?
As augas minerais naturais e de manancial proceden dunha área subterránea ben definida e protexida e deben ser envasadas a pé de manancial. A auga da billa pode proceder de varias fontes, incluíndo subterráneas, superficiais e residuais tratadas e adoitan percorrer grandes distancias a través de canalizacións.
A composición da auga mineral natural é sempre a mesma e chega ao consumidor directamente da natureza, sen pasar por ningún tratamento químico ou microbiolóxico. A composición da auga de billa é variable, múltiples factores como o clima, as canalizacións que atravesan ou os produtos que se utilizan no seu proceso de potabilización inflúen nela.
¿Son iguais todas as augas envasadas?
Non. Cada auga mineral natural ou de manancial é diferente e posúe un sabor característico debido á súa composición mineral única. Isto permite a cada consumidor elixir un tipo ou outro de auga segundo o seu sabor, contido mineral ou preferencia entre auga con gas ou sen gas.
¿Reciben algún tratamento as augas minerais naturais e as de manancial?
Non. Son produtos naturais que deben chegar ao consumidor tal e como se captan nos seus puntos de surxencia e por iso non poden ser sometidas a ningún tratamento que modifique a súa composición química orixinal. Unicamente se permite a separación daqueles elementos naturalmente inestables. Mentres que a tecnoloxía aplicada ás augas superficiais destinadas ao consumo humano está dirixida a devolverlles o seu potabilidade, o valor engadido das augas minerais naturais e de manancial radica precisamente nos medios técnicos empregados para preservar a súa pureza orixinal e a súa personalidade.
¿É necesario que as augas envasadas indiquen a orixe destas na súa etiqueta?
Si. O nome do manancial ou lugar de explotación debe figurar sempre claramente na etiqueta para permitir ao consumidor recoñecer a súa procedencia.
¿Cales son as principais indicacións das augas minerais naturais?
As de mineralización débil ou moi débil posúen efectos diuréticos, sendo indicadas cando se padecen cálculos urinarios, para persoas con hipertensión e na preparación de biberóns e alimentos infantís.
As de mineralización media teñen efectos similares ás augas de mineralización débil ou moi débil, aínda que a acción diurética é inversamente proporcional ao seu contido en residuo seco.
As de mineralización forte supoñen unha achega en minerais moi destacable tales como o calcio e o magnesio.
As bicarbonatadas facilitan a dixestión e neutralizan a acidez de estómago.
As cálcicas contribúen á mineralización de ósos e dentes. Están recomendadas para embarazadas, nenos, anciáns e para a prevención da osteoporose.
As magnésicas contribúen á mineralización de ósos e dentes e poden resultar lixeiramente laxantes. Axudan a combater o estres.
As hiposódicas benefician aos que sofren alteracións renais, hipertensión ou retención de líquidos e aos bebés e persoas maiores.
As sódicas se se acompañan do ión bicarbonato, son dixestivas.
As fluoradas, convenientemente dosificadas poden previr a caries dental. Non deben ser utilizadas de forma permanente polos nenos durante o período de dentición.
As carbónicas ou con gas estimulan o apetito e facilitan a dixestión.
BALNEARIOS
¿Cál é a diferenza entre un balneario, un centro de talasoterapia e un "spa"?
A diferenza entre estes tres tipos de establecementos está na auga utilizada por cada un deles: auga mineiro-medicinal nos balnearios, auga de mar nos talasos e auga da billa nos "spas".
¿Qué é un hotel balneario?
Segundo a Lei de Turismo de Galicia, "son hoteis balnearios aqueles establecementos que, reunindo os requisitos esixidos aos hoteis, conten, ademais, con instalacións balnearias, de acordo coa definición de balneario considerada na normativa sectorial autonómica".
¿Qué son as termas?
"Termas" e "estacións termais" son outra forma de denominar aos balnearios. Esta exclusividade está recoñecida legalmente, e así a Lei de Turismo de Galicia dispón que "unicamente as empresas e establecementos que, estando autorizados como establecementos sanitarios, cumprisen as condicións legalmente esixidas para exercer o dereito de aproveitamento das augas mineiro-medicinais ou termais de Galicia poderán empregar na súa denominación e oferta de servizos" as palabras «balneario», «termas» e os seus derivados.
HIDROLOXÍA MÉDICA E CURA BALNEARIA
¿Qué é a Hidroloxía Médica?
É a ciencia que trata do estudo das augas minerais e o seu emprego con fins terapéuticos no organismo, tanto san coma enfermo, e polo tanto ten dobre vertente curativa e preventiva..
A Hidroloxía Médica é unha especialidade médica de carácter oficial creada en 1.955 e de ámbito non hospitalario. Para formarse é esta especialidade é necesario ser licenciado en Medicina, superar a proba estatal MIR e cursar a formación na Escola Profesional de Hidroloxía Médica e Hidroterapia da Universidade Complutense de Madrid.
Actualmente en España tamén pode estudarse esta materia na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.
¿Qué é a cura balnearia?
A cura balnearia ou cura termal é o método curativo que debe o seu efecto á acción terapéutica das augas mineiro-medicinais e termais administradas nun balneario.
Ten diferentes efectos físicos e psíquicos sobre o organismo, debido a que a composición mineral e a temperatura das augas mineiro-medicinais produce reaccións químicas, biolóxicas e sedantes no corpo humano. Tamén inflúe nesta a adopción de hábitos saudables en ámbitos de natureza, como os que habitualmente existen nos balnearios.
¿Como debe realizarse a cura balnearia?
A cura balnearia debe realizarse baixo prescrición médica e a pé de manancial. Baixo prescrición médica porque corresponde ao médico do balneario indicar que técnicas son necesarias, os tempos de aplicación, o número de sesións e todas aquelas recomendacións ou precaucións que se consideren necesarias. E a pé de manancial porque é aí onde a auga mineral mantén as súas características de emerxencia, en canto a equilibrio mineral, temperatura, gases disoltos, etc., ademais do beneficio relacionado co medioambente do entorno.
¿Qué efectos ten a cura balnearia?
Hoxe en día, a cura balnearia continúa sendo indiscutible como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica como as patoloxías do aparato locomotor, como o reumatismo. Tamén son útiles para tratar afeccións da pel, procesos inflamatorios crónicos inactivos e do aparato respiratorio, entre outras, ou simplemente para evitar un consumo excesivo de fármacos.
Ademais destes tratamentos típicos, existen outros igualmente importantes como as curas de adelgazamento, programas de beleza, celulite, rexuvenecemento, saunas, piscinas climatizadas, ximnasios, xacuzzi, etc.
¿En que casos está contraindicada a cura balnearia?
Os tratamentos en balnearios teñen tamén contraindicacións, razón pola cal é importante a función do médico no balneario. Así, os tratamentos termais están contraindicados para aquelas persoas que sofren algunha enfermidade contaxiosa ou infecciosa, procesos tumorais malignos, tuberculose pulmonar, insuficiencias cardiovasculares, hepáticas ou renais, hipertensión arterial grave, desequilibrios metabólicos graves ou importantes ou, en xeral, para aquelas persoas que pasen pola fase aguda de calquera enfermidade ou proceso que supoña unha alteración do estado xeral.
¿Cales son as principais indicacións das augas mineiro-medicinais en balnearios?
As cloruradas son estimulantes sendo a súa principal aplicación tópica, estimulan a cicatrización e melloran as afeccións óseas e son favorables en procesos respiratorios e cutáneos.
As sulfatadas son útiles en dispepsias dixestivas e discinesias biliares.
As bicarbonatadas compórtanse como antiácidos e alcalinizantes.
As sulfuradas pola súa gran capacidade oxidoreductora utilízanse en procesos dermatolóxicos, reumáticos, respiratorios crónicos e otorrinolaringolóxicos.
As ferruxinosas estimulan a hematopoese e as oxidacións titulares, sendo a biodisponibilidade do ferro moi importante.
As radioactivas son sedantes e analxésicas, utilízanse en afeccións reumáticas, respiratorias crónicas e trastornos psicolóxicos.
As oligometálicas compórtanse como diuréticas, sendo os seus principais usos as litises renais.
¿Qué son os peloides termais?
Os peloides termais son o produto resultante da mestura dunha auga mineiro-medicinal con materias orgánicas ou inorgánicas, resultantes de procesos xeolóxicos ou biolóxicos, utilizado en terapéutica en forma de emplastos ou baños. En balnearios adoitan utilizarse para o tratamento de reumatismos crónicos, rixideces articulares e determinadas neuralxias.
OS PERIMETROS DE PROTECCIÓN DE AUGAS MINERAIS
A regulación das augas minerais nas lexislacións española e galega pode sintetizarse en canto a aproveitamento e protección en tres puntos principais: en primeiro lugar, previamente á posta en explotación do recurso é preciso un recoñecemento oficial -ou declaración- da condición de mineral da auga a aproveitar; en segundo, é necesario obter unha licenza administrativa -autorización ou concesión- para o aproveitamento; en terceiro lugar, debe implantarse un perímetro de protección da captación en canto á cantidade e calidade do recurso. O aproveitamento sostible das augas minerais require adoptar unhas medidas de protección que fagan compatible o uso do recurso cunha axeitada protección do medio.
¿Qué é un perímetro de protección?
A orixe subterránea das augas minerais non resulta garantía de protección abondo, xa que non quedan á marxe das actividades que se desenvolven na superficie dun terreo. Por tal motivo, a explotación da auga mineral debe levarse a cabo no marco dun réxime que asegure a sostibilidade do recurso e o mantemento do equilibrio natural no seu ámbito.
Así concíbese a figura do perímetro de protección dun acuífero de augas minerais como a superficie mínima do terreo delimitada por coordenadas, na cal se prohiben ou condicionan determinadas actividades co fin de salvagardar o recurso hidromineral. Trátase, polo tanto, dun instrumento xurídico-administrativo que ten por finalidade salvagardar a integridade e pureza do acuífero, así como os dereitos do titular do seu aproveitamento a utilizar as augas que emerxan dentro deste, previas as conseguintes autorizacións ou concesións.
¿Cal é a normativa que afecta aos perímetros de protección?
A regulación dos perímetros de protección das augas minerais e termais aparece contida nos artigos 26 e 28 Lei de Minas e nos artigos 41 e 43 Regulamento de 1978, normas que han de entenderse básicas, sen prexuízo da facultade das Comunidades Autónomas de establecer unha regulación complementaria sobre os perímetros de protección.
Así, a Lei 5/1995, de augas minerais, termais e manancial, ditada ao abeiro da competencia exclusiva de Galicia en augas minerais e termais e dentro do marco da lexislación básica estatal de minas, considera aos perímetros de protección como un instrumento para a conservación do acuífero, cuxas augas foron declaradas minerais ou termais. A definición do perímetro forma parte do expediente de aproveitamento das augas.
¿Quén pode solicitar a súa implantación?
O solicitante dunha autorización ou concesión de aproveitamento de augas minerais é quen debe determinar na súa solicitude o perímetro de protección que considere que debe outorgarse ás augas minerais cuxa explotación pretende, sendo o órgano autonómico competente a quen corresponde inspeccionar o terreo no que radiquen as augas, ao obxecto de determinar o perímetro de protección que considere axeitado.
¿Cómo se delimita un perímetro de protección?
Toda solicitude de aproveitamento de augas minerais debe ir acompañada dunha proposta xustificada de delimitación de perímetro de protección que, tras ser sometida a información pública e a informe preceptivo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), é aprobada ou modificada na resolución do expediente de autorización ou concesión.
A delimitación dun perímetro de protección require, polo tanto, un coñecemento previo da zona, particularmente en relación coa situación e características do manancial ou captación, o funcionamento hidroxeolóxico do acuífero captado, a composición da auga, as demais captacións existentes, a vulnerabilidade do acuífero á contaminación, os posibles focos contaminantes, etc. A partir deste coñecemento poden aplicarse diversos métodos para a súa determinación. En Galicia optouse por aplicar o criterio do tempo de tránsito, que se define como o tempo que transcorre entre a entrada dunha substancia no seo do acuífero e a súa extracción pola captación.
¿Qué facultades outorga ao titular do dereito mineiro de aproveitamento de augas minerais o establecemento dun perímetro de protección?
O perímetro de protección fixado outorga ao titular do aproveitamento do acuífero a garantía de que a Administración, a instancia súa, adoptará as medidas precisas para que dentro deste non se realicen actividades que poidan prexudicar o normal aproveitamento das augas minerais, estando esas actividades suxeitas á previa autorización administrativa.
Así, a aprobación dun perímetro de protección concede ao seu titular os seguintes dereitos:
1º) Aproveitar as augas minerais que se encontren dentro do perímetro e que pertenzan ao mesmo acuífero.
2º) Ser oído nos expedientes de autorización de traballos subterráneos no interior do perímetro.
3º) Impedir que se realicen dentro do perímetro traballos ou actividades que puidesen prexudicar ao acuífero ou ao seu normal aproveitamento.
¿Qué zonas establece un perímetro de protección?
Distínguense tres zonas en torno á captación, establecidas segundo a severidade das restricións a impoñer para a protección do recurso:
I. Zona inmediata ou de restricións máximas. A máis próxima á captación. Ocupa unha área pequena (100-400 m.), equivalente a un tempo de tránsito dunhas 24 horas. A súa misión é protexer fronte a verteduras ou infiltración directa sobre a captación.
II. Zona próxima ou de restricións medias. Equivale a un tempo de tránsito de 50-60 días. Protexe totalmente contra a contaminación microbiolóxica. A súa área debe ser suficiente para a eliminación ou dilución doutros contaminantes ou, polo menos, para permitir unha alerta con antelación abondo.
III. Zona afastada ou de restricións mínimas. Área equivalente a un tempo de tránsito de 10 anos, ou estendida a toda a área de alimentación da captación. Protexe fronte a contaminantes de longa persistencia (metais pesados, hidrocarburos...). Inclúe unha rede de vixilancia da calidade da auga subterránea.
¿Por qué deben considerarse os perímetros de protección nos instrumentos de ordenación do territorio?
Nos instrumentos de ordenación do territorio deben recollerse todos os elementos que concorran sobre a área que ordenan, incluíndo tamén os perímetros de protección das augas minerais e termais, en virtude do disposto no artigo 14.1 da La Lei de Ordenación da Minaría de Galicia: "Para a elaboración de instrumentos de planificación con incidencia na minaría teranse en conta as solicitudes e os dereitos mineiros outorgados ou concedidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para o que será obrigatorio solicitar da Consellería competente en materia de minas un informe dos datos reflectidos no Rexistro Mineiro de Galicia,".