BALNEARIOS DE GALICIA
Seminario Cátedra Hidroloxía Médica Lugo
09/03/2018
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2018 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Lugo acolle este venres e o sábado unhas xornadas sobre a aplicación da balneoterapia en pacientes con reuma. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineromedicinais en relación a esta doenza.
Os pacientes reumáticos adoitan ser persoas maiores, posto que este tipo de trastornos increméntanse a medida que a idade avanza. Pero pode afectar a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite reumatoide xuvenil.
A directora médico do balneario de Lugo, Ascensión Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.
A doutora sinala que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.
Segundo explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.
A doutora lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.
Médicos de familia e hidrólogos
As xornadas comezan este venres 2 de marzo pola tarde coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña. Abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. Logo os estudantes de Medicina farán unha visita polo balneario de Lugo e finalmente realizarán unha sesión práctica para coñecer que tipo de técnicas e tratamentos se levan a cabo con estes pacientes nas piscinas termais.
O sábado pola mañá a doutora Ascensión Sánchez afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas. De seguido a médica de familia Magdalena Pereiro falará do enfoque do termalismo dende Atención Primaria. Pola súa parte, o xerente da Asociación de Balnerios de Galicia, Benigno Amor, incidirá no panorama actual do termalismo na comunidade galega e explicaralles aos futuros facultativos a principal normativa que afecta ao sector. A xornada rematará pola tarde cunha sesión práctica no balneario.