Prensa

Lugo acolleu a firma dun convenio entre o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia e a Consellería de Economía

26/09/2017

O Clúster de Auga Mineral e Termal de Galicia e a Consellería de Economía, Emprego e Industria asinaron esta mañá no Balneario de Lugo–Termas Romanas un convenio de colaboración, en cuxa presentación participaron o presidente do Clúster, Antonio Garaloces, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, á que tamén asistiron a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o vicepresidente do Clúster, José Manuel García, e o presidente da Cámara Mineira de Galicia, Juan de Dios, entre outros directivos de balnearios e augas envasadas.
O obxecto do convenio é, por unha parte, procurar a creación, desenvolvemento e implantación dunha marca distinitiva das augas minerais de Galicia con intención de diferenciar e poner en valor o recurso. E por outra, desenvolverase para a web “Terras da auga”, xa en funcionamento, o sistema operativo Android para os dispositivos móviles, así como a actualización para xa o existente iOs, dos dispositivos Apple.
O presidente do Clúster, Antonio Garaloces, indicou que Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais, e en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e e en balnearios. Agregou que este feito, unido á repercusión social que nos últimos decenios están a adquirir as augas minerais e termais, posibilitan que Galicia sexa considerada como a Terra da Auga. Sinalou algunhas cifras para contextualizar a potencia do sector, como que en Galicia hai 300 mananciais (2.000 en España), 10 plantas de envasado (100 en España) e 21 balnearios (115 en España), ao tempo que subliñou que unha particularidade destas industrias é que están a crear riqueza en zonas do interior de Galicia, na súa maior parte rurais e con tendencias similares como despoboamento, baixa renda per cápita e predominio do sector primario.
“Cos proxectos que hoxe presentamos queremos dar valor á orixe de Galicia e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais, xerar valor ás marcas baixo a nosa marca xeral distintiva, fomentar a cooperación entre as empresas balnearias e de augas envasadas, e aplicar as novas tecnoloxías á valoración e protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia”, concluíu Garaloces, que agradeceu ao conselleiro de Industria a súa presenza e respaldo a este convenio.
Tamén agradeceu o “apoio” do IGAPE para que o Clúster teña un espazo propio na vindeira edición de Termatalia, que se celebrará en México do 29 de setembro ao 1 de outubro.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Franciso Conde, salientou a importancia deste sector que crea 1.400 empregos directos en Galicia e a necesidade de seguir impulsando a súa internacionalización e posicionamento no mercado a través da colaboración pública e privada co obxectivo de seguir potenciando o sector turístico. “Unha marca especfífica permitirá trasladar a imaxe de innovación, de calidade e de diferenciación das nosas augas minerais e termais”, segundo apuntou Conde.
Experiencia única en Europa por agrupar balnearios e augas envasadas
O Clúster constituíuse no ano 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha asociación sen ánimo de lucro, creada baixo a filosofía dos clúster de actividades empresariais, e que ten por obxecto lograr a unión, cooperación, integración e apoio do conglomerado de empresas e axentes relacionados coas actividades empresariais nucleares ligadas ao recurso auga mineral e termal que actúan no territorio galego. É unha experiencia única en Europa, xa que non hai ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas.
O sector das augas minerais e termais conta en Galicia con dúas asociacións empresariais representativas, que son a Asociación Galega da Propiedade Balnearia (Balnearios de Galicia) e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN).
Balnearios de Galicia, constituída no ano en 1985, está actualmente integrada por un total de 19 balnearios: Carballo e Compostela (Brión), na provincia de A Coruña; Augas Santas, Guitiriz e Lugo-Termas Romanas, na provincia de Lugo; Arnoia Caldaria, Baños de Molgas, Laias Caldaria (Cenlle), Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño), na provincia de Ourense; e Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz, na provincia de Pontevedra.
AGAMIN, constituída no ano 2011, conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés, na provincia de Pontevedra.