XUNTA DE GALICIA
Galicia presentarase en Fitur como un destino acolledor e con propostas novidosas e sustentables
12/01/2018
A directora de Turismo, Nava Castro, presentou hoxe a programación que Galicia levará a 38ª edición de Fitur, Feira Internacional do Turismo que se celebra en Madrid. A Comunidade mostrarase ante milleiros de visitantes como un destino acolledor e con propostas novidosas e sustentables para todo o territorio.
Como sinalou Nava Castro, os novos produtos deseñados desde a Xunta de Galicia que se presentarán en Fitur afondan na aposta por un turismo diferenciado e de calidade, feito con imaxinación e para gozar sen présas. Trátase dunha ampla oferta, tanto de interior como de costa, sustentable e respectuosa co medio, que busca poñer en valor os recursos galegos.
“Ás iniciativas consolidadas nos últimos anos, sumámoslles agora unha oferta que percorre as catro provincias e mestura a Galicia azul e a Galicia verde, o patrimonio natural e o patrimonio cultural”, afirmou Nava Castro. Neste sentido, sinalou que as dúas candidaturas a Patrimonio Mundial da Unesco, Cíes-Illas Atlánticas e Ribeira Sacra, terán unha presenza moi destacada, precisamente cando o Camiño de Santiago cumpre 25 anos e no contexto da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, cita na que a Comunidade leva xa tempo traballando e que servirá para impulsar o turismo cultural e deseñar estratexias con outras rexións do noso continente nos grupos de traballo nos que Galicia vén participando.
Ata 50 miradoiros identificados
Entre os novos produtos que se darán a coñecer en Fitur 2018, sobresaen Galicia Surfing, que identifica un centenar de praias aptas para o surf con propostas de viaxe para coñecer os recursos asociados; Club da auga, marca na que se integran xa a Ruta dos Faros de Galicia, a Travesía Náutica Xacobea, a Ruta do Miño e os balnearios; Escenarios ao volante, unha escolma das 25 mellores rutas polo noso territorio, de máis de 900 quilómetros e que atravesan 110 concellos, así como unha selección de 50 miradoiros e sete olladas urbanas; ou Experiencias nos seis parques naturais, oferta de turismo sustentable e activo cunha vintena de propostas de rutas ornitolóxicas, fotográficas, sendeirismo, ciclismo, equitación, saídas en barco, kaiak, paddle surf, paddleboard, visitas a covas, aldeas, adegas...
No referente ao Camiño de Santiago, destaca O son do Camiño, un festival de música que servirá de antesala ao Xacobeo 2021 ao longo do trienio que resta ata a súa celebración. Estará composto por un programa de concertos con artistas internacionais no renovado Parque Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, e noutras cidades da Comunidade.
Peregrinación accesible para todos
Ademais do 25º aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial, tamén se conmemorarán os 20 anos de amizade entre a ruta xacobea e o Kumano Kodo de Xapón. Así mesmo, presentáranse diversos paquetes para peregrinos con discapacidade e para o turismo sénior creados no marco do proxecto europeo Saber Universal, aliñados co compromiso da Xunta no Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño.
Todos os recursos e novidades poderán coñecerse no stand de Galicia, no pavillón 9 de Ifema, do mércores 17 ao domingo 21. Os tres primeiros días a feira enfócase a profesionais e na fin de semana abrirá para o público xeral. Nesta ocasión, o renovado stand inspíranse nun pazo, redeseñado baixo parámetros actuais que falan da tradición e a modernidade de Galicia de hoxe. “Os galegos, ademais, somos acolledores e hospitalarios. Por iso levar un pazo a Fitur é levar tamén un fogar, abrir as portas da nosa casa aos que queren visitarnos”, afirmou Nava Castro na presentación, celebrada precisamente no Pazo de San Lourenzo.
Baixo o lema Galicia, o bo Camiño, a proposta turística galega preséntase nunha feira que é
punto de encontro global para o sector. Na pasada edición, pasaron por ela preto de 245.000 persoas, 135.000 delas profesionais. Esta será a segunda feira na que a Xunta participa este ano, pois nestes momentos atópase xa nunha en Ultrecht e a próxima semana, en paralelo a Fitur, viaxará ata Helsinki. Ao longo de todo o ano, asistirá a preto de 40 en todo o mundo.
Actividades durante os cinco días
O stand de Galicia en Fitur 2018 estará composto polos seguintes módulos informativos: Galicia Xeral, Establecementos Q de Calidade (que a Comunidade lidera a nivel nacional), Camiño de Santiago, Natureza, Gastronomía, Festas, Entroido, Experiencias, Cidade da Cultura de Galicia, as catro provincias cos seus correspondentes xeodestinos, as sete cidades, Mundo Náutico, Mananciais e Produtos Clúster Turismo de Galicia, entre outros.
Ademais, o stand servirá de plataforma para favorecer e impulsar as relacións comerciais e contactos dos empresarios do sector turístico galego, que disporán dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais. Turismo de Galicia estará, así mesmo, no Workshops Hosted Buyers, encontros B2B (Business to Business), unha das principais accións profesionais da feira, co obxectivo de establecer contactos cos principais operadores turísticos internacionais. Nas tres xornadas para profesionais, celebraranse máis de 35 actos de presentación de destinos e novidades e na fin de semana, contarase coa Agrupación do Centro Galego en Móstoles e co grupo de raíz galega Radio Cos, que conta con músicos como o prestixioso investigador da música e do baile galego Quique Peón.
Degustacións de produtos gastronómicos, catas comentadas das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas ou exhibicións de Artesanía de Galicia, cun obradoiro e mostra en vivo de palilleiras de Encaixe de Camariñas, completan a proposta xunto a diversos photocalls do Camiño de Santiago, Pazos e Presume de Galicia, e elementos táctiles e interactivos.