Prensa

Os balnearios e as augas minerais galegas mostran a súa oferta esta semana en México, en Termatalia.

26/09/2017

O Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina a balnearios e aguas minerais da comunidade, participa estes días en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano cumpre a súa 16ª edición. Organizada por Expourense, estase a celebrar en México, no estado de Coahuila, os días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro. Neste foro mundial de termalismo danse cita expertos procedentes de máis de vinte de países. A finalidade é impulsar o mercado do turismo termal, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre o continente europeo e o americano.
O clúster, que conta cun stand na feira, realiza esta misión co apoio do Igape. En México están a dar a coñecer as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística. Resaltan o valor do país mexicano como porta de entrada a América Latina e Estados Unidos.
En representación do sector termal galego asisten a esta feira o presidente do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia e director do Balneario de Lugo, Antonio Garaloces; o xerente da entidade, Benigno Amor; a doutora Dolores Fernández Marcos, directora médica de Caldaria Hoteles y Balnearios, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios; Jesús Garriga, director do balneario de Caldas de Partovia (O Carballiño); ademais do doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia, que abordará o papel das augas mineiromedicinais na terapia antienvellecemento.
Presentación internacional do proxecto Termagal, destinado a implantar a historia clínica electrónica nos balnearios galegos
No marco desta feira, a Asociación de Balnearios de Galicia vai realizar a presentación internacional do proxecto Termagal, centrado na implantación da historia clínica electrónica nos centros termais galegos. Trátase dunha ferramenta informática innovadora, pioneira en España, que permitirá aos balnearios da comunidade xestionar a historia clínica dos seus pacientes dun xeito estandarizado. Posibilitará xerar unha base de datos que favorecerá a realización de estudos que axudarán a avaliar e mellorar a eficacia dos tratamentos termais.
No transcurso do evento presentarase a aplicación para smartphones “Terras da Auga”, que permite xeolocalizar os perímetros de protección das augas minerais, de grande interese para planificadores do territorio e Administracións públicas.
Tamén se vai dar a coñecer a nova marca “Auga de Galicia”, impulsada polo Clúster en colaboración coa Consellería de Industria para darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais. Neste liña, os representantes do Clúster desprazados a México participarán na cata de catro augas galegas: Auga Sana, Cabreiroá, Fontecelta e Sousas.
Camiño de Santiago Termal
Ademais, durante a feira vaise presentar o programa “Camiño de Santiago Termal”, promovido pola Asociación de Balnearios co apoio do Clúster de Turismo de Galicia. Nesta iniciativa participan 14 balnearios de toda a comunidade, que ofrecen aloxamento e tratamentos termais ligando termalismo e Camiño de Santiago.
Ao longo do foro, os representantes do Clúster reuniranse con comercializadores turísticos mexicanos e doutros países, co Ministerio de Turismo de Uruguai, co Goberno de Coauhila, coa Unión Mexicana de Empresarios Galegos e coa Cámara de Comercio de España en Quito, entre outros organismos. Estas xuntanzas servirán para impulsar internacionalmente o sector termal galego.
Balnearios e augas envasadas de toda Galicia
O Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia constituíuse en 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. Está integrada pola Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN).
Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 20 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Guitiriz, Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.
Pola súa parte, AGAMIN conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés, na de Pontevedra.